Skip to main content
SD Samertolameu

As diferentes etapas do remo en Moaña

As diferentes etapas do remo en Moaña

Por Xosé C. Villaverde Román

Habitar na beiramar é privilexio dun pobo, proveito de todos e razón de existir daqueles que gozan deste marabilloso contorno. Vento, chuvia, frío, calor, calmazo é igual. Pesca, baño, deporte, ocio, segue sendo igual. O que sufriu, padeceu, gozou ou enriqueceu, élle o mesmo; o mar tira. Mudan os tempos, os costumes, os traballos e o mar continúa tirando. ¿Cómo podería entenderse, senón: a irrupción dos nosos mariñeiros, dos nosos remeiros no mundo deportivo, para destacar nas disciplinas de banco fixo?

A tradición de vogar en traiñeiras procede de finais do s. XIX, cando cántabros e asturianos introduciron nas rías a xábega. Sabemos que a mediados do s. XVIII, os mariñeiros censados en Moaña non chegaban a un cento, pero século e medio despois, coa aparición da traíña, arte de pesca pola que apostou Moaña, supuso dar un empuxón á economía local e multiplicar por vinte a poboación dedicada ós labores do mar.

As orixinarias pancas, lanchas pesadas, precisaban de brazos rexos, capaces de esvarar sobre a superficie do mar, sen aparentar un mínimo esforzo. Aqueles longos remos, ficeron dos nosos antepasados, homes especialistas, na pesca e na velocidade. Houbo armadores que non dubidaron contratar ós mariñeiros de mellor sona, pois ben sabían eles da rendibilidade destes profesionais. A súa capacidade sempre foi motivo de comentarios nos casetes, nas tabernas ou durante a faena. As porfías e discusións sobre as maneiras de vogar e pescar, aparecían en calquera momento. Carreiras e rivalidades estaban á orde do día. Só faltaba organización para instauralos. Neste contexto pode encadrarse unha competición de pancas acontecida en Moaña, alá por 1913 ou 1914, e con toda probabilidade para celebrar a inauguración da “carretera de abaixo.” Pero, por moito que intentemos rebuscar no pasado, non xustificamos a relación entre éxitos deportivos e coa práctica de antano; pois hoxe en día, o remo como útil de traballo, xa é instrumento de museo e sen embargo os excelentes resultados están ahí. Quizáis, a pesar de parecer unha contradicción, pódese dicir que a propia historia pesa máis da conta.

Cincunscribíndonos ó noso entorno, vemos como entre 1875 e 1930, afloran regatas ligadas ás festas patronais de Vigo, organizadas fundamentalmente por sociedades recreativas. Poden variar de modalidades, de campos, e mesmamente de organizadores, pero no fondo esas variacións apenas serían significativas. Non obstante, non pode pasar desapercibido o enorme realce das competicións de 1886, 1901, 1910 e sobre todo a de 1918; sen esquecer o intento, no ano 1900, de incorporar as modernas traiñeiras profesionais. Pero, onde realmente a competición de traíñas vai acadar unha sólida consolidación, será durante a II República.

As competicións na república e no franquismo

Aínda que pertenzan a etapas políticas antagónicas, a práctica do remo gozou de certa continuidade, cos mesmos protagonistas, modelos e sistemas. De feito a paréntese da Guerra Civil (1936-1939) non supuxo innovación algunha, salvo ó principio ó tratar de convertilas en actos conmemorativos do “Día de la Victoria.”

Dende estamentos republicanos, como o Sindicato de Iniciativas e Propagandas da cidade de Vigo, vanse promocionar, entre outras, as regatas para profesionais. Para tal finalidade contaban coa colaboracións do “Club Náutico” e do “Marítimo”, aportando as famosas “blancas” ou botes de oito remos.

En base ás referencias recollidas, observamos que a primeira regata tivo lugar en 1933 e na que a embarcación de Meira, baixo ás ordes de José González superou a Baiona na bandeira da República. Despois do sorprendente éxito de público e participación, repítese o torneo ó seguinte ano. Nesa ocasión, José González volvería a triunfar, pero basicamente con mariñeiros da parroquia de Tirán, dando lugar ó nacemento da dualidade Meira-Tirán, Tirán-Meira, competencia a través da cal nos legaron as páxinas de ouro e máis fermosas deste deporte.

En 1935, Meira consegue a derradeira republicana en apretada final con Tirán. Logo quedaron interrumpidas pola guerra ata que en 1939 foron restablecidas nas festas de Vigo. Para substituir as “blancas”, o “Club Marítimo” mandou construir en 1941, nun asteleiro de Meira, catro traíñas semellantes ás das competicións do norte, dotadas para trece vogadores e patrón. Sen embargo, aquelas estilosas traiñeiras non foron utilizadas, ata que a Corporación viguesa, decide relanzar, en 1946, as regatas con substanciosos premios. Dende entón e ata 1951, aparece un período de esplendor, onde foi necesario facer catro quendas para seleccionar ós finalistas. Durante esta etapa, en Moaña vaise producir un fenómeno de proliferación, chegando a competir a veces, ata seis tripulacións diferentes do noso concello. De calquera maneira a pugna Tirán-Meira seguía marcando a elite, se ben nesta ocasión, déuse un claro predominio dos da primeria parroquia.

A partir de 1952, o “Club Náutico de Vigo, ” crea as seccións de vela, remo olímpico e pesca deportiva, abandonando o banco móbil o que supoñería a práctica desaparición da ría.

“Copa do Xeneralísimo”

Dende que Franco, decidiu descansar cada verán a partir de 1941, no pazo de Meirás de A Coruña, formouse unha competición homenaxe de traíñas, estable e anual, denominada “Copa del Generalísimo”. Nun principio a participación recaía en representacións do Exército, da Mariña e de “Educación y Descanso.” E despois de 1947, asume a responsabilidade a “Obra Sindical”. En 1949, son convidados por vez primeira, a través de “Educación y Descanso” as tripulacións de Meira e Tirán, en representación da Confraría de Pescadores de Moaña. Nesa ocasión a participación supuso lograr uns meritorios terceiro e cuarto posto, o que animou a superarse nas próximas edicións. Así, en 1952, cunha selección de remeiros de Meira e Tirán, lograron gañar o tan cobizoso trofeo. Triunfo que repetiría Meira en 1963.

A importancia da “Copa del Generalísimo” residía na participación das mellores traíñas da costa ibérica, dende Irún ata A Guarda, e sobre todo cando coincidiron coa celebración do “Campeonato de España.” O primeiro ano desa converxencia foi en 1960, xuntado a “XX Copa del Generalísimo” e o “XIII Campeonato de España de Traineras” onde os remeiros de Meira alcanzaron a gloria ó deixar pola popa ó vencedor das tres anteriores edicións, a famosa “Virgen de Begoña” de Iberia (Sestao). E o ano seguinte de 1961, aconteceu a mesma conxunción dos dous trofeos, e nesa ocasión a apoteose foi doble: Tirán primeiro e Meira segundo. Festas, celebracións, homenaxes e felicitacións foi unha constante durante eses anos.

Debido á emigración hacia europa e á pesca de altura, o potencial do mariñeiro-remador minguou, de tal xeito que, xa en 1965, houbo dificultades para formar unha tripulación. En 1975, Meira participa por última vez, se ven esta copa desaparecería o ano seguinte.

A nova etapa

Non hai dúbida que, dende a saída a escena da Sociedad Deportiva Samertolameu en 1979, produxo un efecto expansivo nas Rías Baixas e sobre todo na de Vigo. De feito, pasouse de non existir clube algún de traíñas en 1978, a haber na actualidade case unha ducia, e sen traspasar as bocanadas da Illas.

A eclosión da recuperación deste deporte tradicional, vai poñer en evidencia unha serie de estructuras desfasadas, e o peor, unha arcaica normativa que inmediatamente era imprencindible modernizar. A formación de clubs de remo como entidades xurídicas e non coma antano, representacións das confrarías de pescadores, vai ocasionar unha tirapuxa impresionante para o control de estamentos federativos, colexiais e mesmamente deportivos. A evolución foi tan profunda que xerou moitos intereses, de xeito que outras disciplinas deportivas profesionais, están moi por debaixo das esixencias competitivas desta modalidade.

Nas regatas burocráticas, a S.D. Samertolameu, ademais de pioneira nesta nova etapa, forzará cambios na armazón federativa. Por outra banda, coa constitución do clube de Remo San Juan de Tirán en 1981, vai recuperar esa tradicional rivalidade de grande repercusión a tódolos nivéis. A partir de entón, gañouse practicamente todo, trofeos, memoriáis, bandeiras, agás a da Concha.