Meira, Tradición con denominación de orixe
En 1933, organizado polo Real Club Náutico de Vigo, unha tripulación de Meira participa por primeira vez nunha regata de traiñeiras. Este esforzo inaugural obtivo como premio a Bandeira da República.
Como bos tercos, repetirían en 1935 e, en 1960, unha nova tripulación de Meira obtería o Campionato de España.
A día de hoxe, as tres bandeiras locen orgullosas nas nosas vitrinas como símbolo das nosas orixes.
Un referente histórico no mundo do remo
En 1979 fúndase definitivamente a Sociedade Deportiva Samertolameu de Meira, poñendo proa a unha traxectoria chea de éxitos deportivos nas principais categorías do remo a nivel autonómico e estatal.
Un total de 205 bandeiras en traiñeiras, 64 en traiñeriñas e 135 en bateis abalan unha historia que situou a Meira entre os principais expoñentes do noso deporte.
Espírito transformador
Pero máis aló dos títulos deportivos, o que máis nos orgullece da nosa historia, é o noso labor formador e transformador, tanto no traballo coa canteira como no fomento pola igualdade de xénero no deporte, o que nos fixo ser o primeiro club galego en participar na liga Euskotren feminina.
Avanzando desde a tradición, vendo cara ao futuro
Somos unha institución consolidada e recoñecida tanto polos nosos méritos deportivos como pola actividade na promoción do noso deporte, pero non nos conformamos, sabemos que o noso futuro pasa pola consecución de novos retos.
Ampliar a oferta de actividades relacionadas co remo de base, incrementar a masa social, consolidar e optimizar o traballo coa canteira e así formar deportistas para nutrir e mellorar os resultados dos primeiros equipos masculino e feminino.
O futuro do noso club é o dos nosos deportistas, da man das persoas asociadas e das entidades que participan no noso proxecto.
Deporte de base, unha prioridade para a institución
As persoas máis novas do club son o noso orgullo e as nosas mellores embaixadoras, xa que difunden os nosos valores tanto na contorna escolar como familiar.
O nivel de iniciación, de 9 a 12 anos, conta con máis de 200 participantes por tempada. A partir dos 13 anos e ata xuvenís acceden ao nivel de perfeccionamento, competindo en todas as categorías do remo autonómico e estatal.
O noso obxectivo para o futuro é manter un mínimo do 50% de deportistas provintes dos equipos base nas categorías principais.
Orgullo de pertencer a unha institución
A S.D. Samertolameu é unha auténtica escola de remo que cobre desde a iniciación ata o alto rendemento. Os nosos programas de escola e equipos base nutren tanto ao noso club como a outros equipos das ligas LGT e ACT.
O novo proxecto deportivo pretende potenciar e preservar os valores da entidade na totalidade do corpo técnico, equipos e deportistas. Introducir, a través da formación, os principais valores do deporte en equipo: solidariedade, respecto, compañeirismo, igualdade, esforzo, competitividade, responsabilidade…
…porque somos tercxs